Presentamos a segunda edición de De catro a catro. Manuscrito orixinal, de Manuel Antonio, un volume ao coidado de Anxo Tarrío Varela, catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela. Publicamos o manuscrito por vez primeira en decembro de 2016.
Esa edición primeira chegou a ser cualificada pola crítica como 'Un dos achados documentais máis sorprendentes deste século' (Armando Requeixo, Faro de Vigo), 'Unha auténtica alfaia' (Ramón Nicolás, Caderno da Crítica) ou 'estremecedora edición facsimilar' (Ramón Rozas, Diario de Pontevedra). Así mesmo, foi finalista en 2017 nos Premios da Crítica de Galicia (na categoría de Creación) e na Gala do Libro Galego (na categoría de Mellor Iniciativa Bibliográfica). A edición respecta fielmente o formato orixinal: un caderno contable en capa dura. O deseño da capa é a reproducción exacta do caderno orixinal, protexida nesta edición facsimilar por unha sobrecuberta. O volume inclúe a transcrición do texto coa identificación das súas variantes, a cargo de Anxo Tarrío, e a reprodución de varias imaxes e ilustracións.
De catro a catro é un dos libros máis relevantes de todos os tempos. Está considerado ademais coma unha das cimas universais da poesía vangardista.